Saturday 18 de May de 2024

A Xunta destaca en Bruxelas a necesidade de mellorar a competitividade do sector acuícola


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou hoxe a conferencia “Acuicultura en Movemento”, onde salientou as recomendacións políticas recollidas no ditame liderado por Galicia e aprobado polo pleno do Comité das Rexións europeo o mes pasado

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, coma relator do ditame “O futuro da acuicultura europea”, resaltou o gran potencial da acuicultura como sector estratéxico na inauguración do seminario “Acuicultura en Movemento” celebrado hoxe na sede do Comité das Rexións europeo (CdR) en Bruxelas.

Trátase do cuarto seminario anual organizado pola Federación Europea de Produtores de Acuicultura (FEAP) que contou coa intervención de 14 expertos para debater sobre como promover os productos acuícolas no mercado, como garantir o seu respecto ao medio ambiente e como asegurar a súa complementariedade con outras actividades económicas. Tras celebrar a súa asamblea xeral na Coruña o pasado mes de maio, a FEAP, que reúne a 28 asociacións nacionais de produtores, puido organizar este foro no Comité das Rexións grazas ao apoio da Xunta de Galicia.

Gamallo, que estivo acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Carlos Maneiro, en canto que experto do ditame aprobado o mes pasado, resumiu as recomendacións acordadas polos representantes rexionais e locais a nivel europeo para impulsar o sector acuícola. Entre estas medidas destacan a necesidade de aportar maior valor engadido aos produtos investindo en I+D e na formación dos produtores, a simplificación dos trámites sen perxuízo do cumprimento das normas medioambientais, a difusión de boas prácticas relacionadas coa acuicultura sustentable e o chamamento para seguir innovando de xeito que o sector teña un mínimo impacto nos ecosistemas circundantes.

O sector acuícola ten para a UE un gran potencial, xa que conta con máis de 14.000 empresas e ten creado máis de 80.000 postos de traballo. Os entes rexionais e locais, nos que recaen normalmente as competencias para regular a actividade deste sector, son os que están mellor capacitados para impulsalo.

A acuicultura en Galicia
Tras a elaboración do ditame sobre o futuro da acuicultura no seo do Comité das Rexións, que se aprobou na sesión plenaria do pasado mes de outubro, Gamallo salientou a importancia da Lei de Acuicultura na que traballa a Xunta de Galicia que é pioneira na UE e que recollerá moitas das propostas do ditame europeo.

En Galicia o sector acuícola dá traballo a máis de 4.000 persoas e factura case 150 millóns de euros ao ano. Das máis de 190.000 toneladas de produción acuícola, o mexillón e o rodaballo son os produtos principais. A acuicultura é unha actividade moi ligada ao territorio galego, e que mantén activas moitas comunidades costeiras. A costa galega ten unhas condicións idóneas para o seu desenvolvemento, o que ten permitido que se consolidase unha industria acuícola propia, diversificada e en constante crecemento.